O Emirato de Dubai[1] (en árabe إمارة دبيّ , transliterado Imārat Dubayy), é un dos sete estados que constitúen os Emiratos Árabes Unidos, sendo o segundo deles en extensión. A capital do emirato é a cidade de Dubai, onde se acolleu a exposición mundial de 2021.[2]
Dous feitos cruciais a comezos da década dos setenta do século pasado déronlle un gran pulo ó desenvolvemento do emirato. Un foi a independencia e o establecemento da federación en 1971. O outro foi a gran subida do prezo do cru provocada pola crise do petróleo de 1973, que axudou a relanzar as finanzas do estado. O emirato contribúe en gran medida ó PIB dos Emiratos Árabes Unidos. Os servizos como o tranporte, a loxística e o turismo contribúen dun xeito crecente ó PIB do estado, desprazando á tradicional economía baseada na industria petrolífera.
O Emirato de Dubai está situado na costa do golfo Pérsico dos Emiratos Árabes Unidos[3], a uns 9 msnm de altitude media[4]. Limita ao sur co emirato de Abu Dabi, ao nordeste co de Sharjah e ao sueste co sultanato de Omán a través do exclave de Hatta, que tamén fai fronteira cos emiratos de Ajmán polo oeste e co de Ras al-Jaima polo norte. Ten unha superficie de 4113km², que representa unha expansión significativa pois nos seus inicios contaba con 3885km², por mor das reclamacións sobre a súa soberanía no mar[5].
O Khor Dubai é un rego que vai desde o nordeste cara ao suroeste, atravesando toda a capital[3]. No leste da capital do emirato está a localidade de Deira, que limita co emirato de Sharjah ao leste e coa localidade de Al Aweer ao sur.
O deserto de area que rodea a capital posúe algunhas palmeirasdatileiras. Os lirios crecen nas chairas occidentais dos sabkha, ao leste da cidade, mentres que as acacias e os ghaf crecen nas chairas interiores, preto das montañas occidentais de Al Hayar. Varias árbores autóctonas como a palmeira datileira e os neem, así como árbores importadas como os eucaliptos, crecen nalgúns parques naturais do emirato.