Río Delaware
O río Delaware é un río importante da rexión do Atlántico Medio dos Estados Unidos e é o río de fluxo libre máis longo do leste dos Estados Unidos. Dende a unión das súas ramas en Hancock, Nova York, o río flúe durante 454 km ao longo das fronteiras de Nova York, Pensilvania, Nova Jersey e Delaware, antes de desembocar na baía de Delaware. A súa conca drena unha área de 35 070 km2 e proporciona auga potable a 17 millóns de persoas, incluíndo a metade da cidade de Nova York a través do acueduto de Delaware.
O río Delaware ten dúas ramas que nacen nas montañas Catskill de Nova York: a rama oeste en Monte Jefferson en Jefferson, no condado de Schoharie, e a rama leste en Grand Gorge, no condado de Delaware. As ramas únense para formar o río Delaware principal en Hancock, Nova York. Fluíndo cara ao sur, o río permanece relativamente pouco desenvolvido, con 245 km protexidos no National Wild and Scenic Rivers System como Upper, Middle e Lower Delaware.[1] En Trenton, Nova Jersey, o Delaware vólvese navegable e máis industrial . Esta sección constitúe a columna vertebral da área metropolitana do val de Delaware, servindo ás cidades portuarias de Filadelfia, Camden, Nova Jersey, e Wilmington, Delaware. O río desemboca na baía de Delaware en Liston Point, a 77 km augas arriba da saída da baía ao océano Atlántico, entre cabo May e cabo Henlopen.[2]
Antes da chegada dos colonos europeos, o río era a terra natal do pobo nativo lenape. Chamábanlle Lenapewihittuk, ou río Lenape, e Kithanne, que significa o río máis grande desta parte da rexión.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ csebestyen. "National Wild and Scenic Rivers in the DRB". Delaware River Basin Commission (en inglés).
- ↑ "DRB river-mileage spreadsheet" (PDF). state.nj.us. Consultado o 2022.
- ↑ Heckewelder, John; Ponceau, Peter S. Du (1834). "Names Which the Lenni Lenape or Delaware Indians, Who Once Inhabited This Country, Had Given to Rivers, Streams, Places, &c.". Transactions of the American Philosophical Society 4: 351. doi:10.2307/1004837.
