T. Rex (orixinalmente chamada Tyrannosaurus Rex) foi unha banda de rock inglesa fundada en Londres nos anos 1960 que tivo éxito como grupo de glam rok nos anos 1970.
A banda fundouna Marc Bolan en 1967 e tocou só unha vez como quinteto en The Roundhouse antes de separarse. Logo continuou, reducida a dúo, formado por Marc Bolan e Steve Took, editando tres álbums producidos por Tony Visconti.
O son era unha especie de folk rock dunha terra imaxinaria, con guitarras acústicas e diferentes e exóticas percusións. As letras falaban de seres estraños, elfos, fadas, magos e trasnos. Tiveron unha notable aceptación entre os hippies londinienses de finais dos sesenta. Nesta época foron moi apoiados polo famoso xornalista musical John Peel. Pero o auténtico desexo de Marc Bolan era ser unha verdadeira estrela e, tras unha decepcionante xira polos Estados Unidos, despediu a Steve e recrutou un novo percusionista, Mickey Finn, con quen gravou un cuarto álbum aínda baixo o nome de Tyrannosaurus Rex.
Co álbum T. Rex, de 1970, a banda non só recortou definitivamente o seu nome, senón que ademais pasou aos instrumentos eléctricos. A partir de entón obtiveron os seus maiores éxitos comerciais.
A banda acabou os seus días cando Marc Bolan morreu nun accidente de tráfico en 1977, antes de cumprir os 30 anos.